Hoxe toca identidade, poesía e sabores da Terra. Pero primeiro contexto:

O Día das Letras Galegas

En 1963, a Real Academia Galega (RAG) escolleu para esta celebración o 17 de maio, xa que foi o día no que se conmemoraba a publicación de “Cantares galegos”, o libro máis coñecido da escritora Rosalía de Castro.

Este ano réndese homenaxe a Luísa Villalta (sexta muller nas 61 edicións).

Luisa Villalta (A Coruña 1957 – 2004), foi unha escritora, mestra e violinista galega, que destacou en diferentes ámbitos: poesía, teatro, narrativa, ensaio, música e colaborou en xornais e revistas.

Se queres saber máis sobre esta célebre coruñesa, podes ler aquí

Por iso, hoxe estamos de festa en toda Galicia

Un día coma hoxe é un bo momento para gozar da literatura galega que, tendo fillos -como os teño-  facendo a ESO na Galicia, dános a oportunidade de enriquecer o noso coñecemento ás persoas que nacemos e estudamos noutra terra.

E por suposto! establecer vínculos co sentimento de pertenza, identidade ou sinais dun tempo, no que a comida, como parte desa identidade, deixa pegada.

Lendo en diversos lugares, moitas destas referencias atópanse en versos de Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Ánxel Fole… e por suposto, Rosalía de Castro.

Velaí a miña homenaxe a esta lingua, que te namora dende o primeiro momento:

Fragmento do poema de Follas Novas, “A Pobriña que está xorda” (Rosalía de Castro, 1880):

Foron chegando, chegando,
Mais de nove ulindo a festa,
I a ningún botou da porta
A rica da montañesa;
Que hai para todos, o día
Que alí cocen, carne fresca
Por arrobas, e se fan
Papas de arroz en caldeiras.
Matouse un carneiro, grande
Como un boi, e unha tenreira
Como unha vaca, e gordiña
Como unha cocha pequena.
Hai viño a Dios dar, un viño
Do Ribeiro, que é canela;
E para a xente de menos
Haino tamén do da terra,
Un pouco agriño, mais fresco
E saboroso como fresas.
Coceuse unha gran fornada
De millo branco que albea,
Con mixtura de centeo
I unha pouca de manteiga.
Parece biscoito a broa,
I un non se ve farto dela,

Que inda é muito máis sabrosa
Que os moletes que en tres cestas,
Escollidos, de Santiago
Trouxeron as panadeiras.

A gran fornada

Voume parar na referencia desa “gran fornada”:

Porque, se queres facer un pan á altura dos “moletes” de antano, recoméndoche fariña dun muíño de auga tradicional de El Molino de Isabel, en Cospeito, Lugo. A súa moenda é tradicional e artesanal, respecta os nutrientes e as propiedades do cereal, conferendo sabor e textura moi superiores á moenda moderna. Seguramente coma as que comeu ata fartar, a protagonista dos versos.

Agarda…que queres o pan feito? En Lugo podes facer o teu pedido en Duo Baking. O meu pan favorito: pan de pasas e noces. Unha ledicia para o almorzo. Pero ademais de estar moi bós, son nutritivos e aptos para a dixestión porque son de longa fermentación con masa nai, con fariñas galegas, ecolóxicas ou de cereal integral. Proposto para estar entre os 50 mellores panadeiros de España.

Pero se o que requires son produtos baixos en glute, recoméndoche O Muíño de Espelta, que tamén fai entregas a particulares, ademais de atopar os seus produtos nestas tendas. O pan é de masa nai e fariñas ecolóxicas e integrais. Hai anos fixen un obradoiro con Julián e probei as súas empanadas de millo e pans baixos en glute (trigo sarraceno, espelta…), moi recomendábeis!

E para pechar con as referencias que nos deixa Rosalía de Castro nos seus versos, poñédeme nos comentarios se queredes que vos comparta algunha receita de Broa (pan millo, brona, pan de millo galego), «que inda é muito máis sabrosa».

Pasade un enriquecedor Día das Letras Galegas, co sentimento e sabor da Nai Terra, a Terra que me adoptou.

Deja un comentario